MANIFESTACION , Non Ao PL De Protección E Benestar De Animais De Compañía

13-06-2017

Como moitas e moitos de vos sabedes, un grupo de 33 colectivos animalistas, entre os que se encontran protectoras, santuarios, plataformas e grupos de defensa animal, xuntámonos para manifestar o noso total e radical rexeitamento ao actual Proxecto de Lei de Protección e Benestar de Animais de compañía que o goberno do PP da Xunta pretende aprobar. Este proxecto non só contravén e empeora a lei anterior, senón que pretende facer negocio co abandono de animais. Ante tal despropósito, e co fin de que o rexeitamento social obrigue a reconsideralo, cambialo o anulalo, convocamos unha SERIE DE MANIFESTACIÓNS. A primeria será o vindeiro domingo 18 ás 12h da mañá en Vigo, partindo do cruce de Urzáiz con Vía Norte. A segunda en Santiago de Compostela. Se non se producen cambios, o domingo 25 ás 12:00h da mañá partiremos da Alameda.

Achegamos para que difundades como tolas os carteis e o comunicado onde recollemos os nosos puntos irrenunciables, e por se vos queredes seguir sumando. Hai que encher as rúas coa voz dxs sen voz!!!!! Esperámosvos.

--------------------

COMUNICADO DENDE UN GRUPO DE ASOCIACIÓNS DE PROTECCIÓN ANIMAL DE DIFERENTES PROVINCIAS DE GALICIA REXEITANDO O NOVO PROXECTO DE LEI DO PP DE PROTECCIÓN E BENESTAR ANIMAL.

O actual goberno do PP da Comunidade Autónoma de Galicia pretende aprobar de forma inminente o Proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia. Este proxecto de lei non só contravén e empeora a anterior lei 1/1993 na maior parte do seu articulado, senón que pretende facer NEGOCIO co ABANDONO dos animais (non acabar con el), promovendo a creación de centros “autorizados”, coma xa vimos co da CAAN da Deputación da Provincia de Pontevedra; entregando estes servizos nas mans de empresas privadas, e poñendo paus nas rodas ás asociacións de protección e defensa animal e persoas individuais animalistas que levan anos deixándose a pel asumindo e facendo de forma altruísta e desinteresada o traballo que lles correspondía atender ás administracións e gobernos de turno. Ante tal despropósito que ademais nos venden como a “mellor lei do estado”, queremos MANIFESTAR o noso total e radical REXEITAMENTO a este proxecto, e pasamos a destacar algúns dos artigos pola especial gravidade e retroceso que supoñen. Por último, pedimos que a súa exposición pública e o coñecemento dos devanditos artigos pola cidadanía, poñan de manifesto o seu rexeitamento social, obrigando á reconsideración e cambio do actual proxecto.

1-Recuperación do anterior nome da lei 1/1993: Lei de Protección e benestar dos animais domésticos e salvaxes en catividade, de ámbito máis amplo, para non reducir a protección só aos de compañía, descoidando aqueloutros que se atopan no ámbito doméstico.

2-Rexeitamos a exclusión dos animais de autoconsumo, équidos, festexos taurinos e animais de experimentación do seu ámbito de regulación.

3-Rexeitamos atribuírlle aos alcaldes/as dos concellos de Galicia a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais. Consideramos que a Xunta, como ente administrativo máximo, ten que ser o que a represente, dotando aos concellos das partidas orzamentarias necesarias para a súa correcta aplicación.

4-Rexeitamos a prohibición de alimentar aos animais nos espazos públicos. Esta medida condenaría a morrer de inanición a miles de animais en toda Galicia, constituíndo un feito de tal gravidade que deslexitima a propia lei. O que si consideramos é que esta alimentación deberá ser escrupulosa e hixiénica.

5-Rexeitamos a obrigatoriedade de comunicar á Concellería competente a tenencia ou posesión de máis de cinco animais pertencentes á especie canina e felina ou aqueloutras que regulamentariamente se determinen. A tenencia de animais na contorna familiar ten que estar determinada polas condicións de benestar animal e salubridade.

6- Desexamos a identificación de todos os animais de compañía e non só a dos cánidos, xa que o extravío e abandono de animais é unha realidade noutras especies o que facilitaría a súa recuperación e sanción en caso de abandono.

7-Consideramos imprescindible o manter ou mesmo aumentar os tempos para recollida de animais abandonados xa que reducir os mesmos podería dificultar aínda máis a súa recuperación.

8- Rexeitamos o uso e utilización de animais en espectáculos públicos e para traballos, sen matices nin autorizacións pertinentes. Esixindo o aumento da súa vixilancia, evitando a súa venda a terceiros países e facilitando a creación de santuarios ou centros dirixidos por persoal cualificado co fin de que poidan ser recuperados e vivir en liberdade.

9-Rexeitamos a catalogación como infracción moi grave a recollida de animais extraviados ou abandonados sen a correspondente autorización ou a súa cesión en adopción. Miles de animais son recolleitos e adoptados por particulares. Castigar este feito, especialmente evidente no caso de cachorros, non faría máis que aumentar a situación de malos tratos e abandono, saturando aínda máis as protectoras e centros de recollida e obrigando ao seu sacrificio.

10- Rexeitamos as prácticas de ter atados aos animais, sobre todo os cánidos, fundamentalmente no ámbito rural e solicitamos a súa prohibición. Podendo establecerse un período de latencia a fin de conseguir a adaptación das vivendas á nova situación de vida libre do animal.

11- Desexamos clarificar a diferenza entre sacrificio e eutanasia. O sacrificio de animais sans, nunca estaría xustificado, camiñando desta maneira facía o obxectivo desexado, sacrificio cero.

12-Dotarase aos concellos , grupos de defensa animal etc , dos fondos necesarios para establecerse campañas de sensibilización e respecto cara aos animais , así como para campañas de adopción.

13-Desexamos a recuperación dos pombais de Galicia e a alimentación ética das pombas con anticonceptivos regrados a fin de controlar as poboacións e obter exemplares fortes e sans , acabado desta maneira cos seus malos tratos e sacrificio periódico polas empresas de control de pragas.

14. Rexeitamos Artigo 10, do Título I, Capítulo I, onde se impide a adopción de animais enfermos, condenándoos á non adopción e reclusión en canceiras e protectoras, ou directamente á súa eutanasia. Consideramos prioritaria a adopción de animais enfermos, cachorros e anciáns, sempre e cando a persoa adoptante estea informada das condicións sanitarias do animal.

15- Rexeitamos que as asociacións de protección e defensa dos animais estean obrigadas a ser declaradas de utilidade pública. Tendo en conta que o peso da protección animal en Galiza descansa na súa inmensa maioría nas asociacións de protección de animais, non ten encaixe algún que se pretenda endurecer o seu estatus en lugar de favorecelo.

16. Rexeitamos o aumento de razas e cruces consideradas Ppp sobre a lei nacional 50/1999, como o Bull Terrier, por consideralo ineficaz, dándose en Galicia, a Comunidade Autónoma con máis razas catalogadas Ppp, unicamente co fin de discriminatorio e recadatorio.

Fecha del evento: 25-06-2017