A XUNTA DESTINA 0€ PARA AS PROTECTORAS

05-11-2013

A Xunta destina 0 euros para as protectoras e 181.000 aos cazadores

Adega denuncia que o medio ambiente "non é de interese" para o Goberno de Feijóo. Desde que asumiu a Presidencia da Xunta en 2009, os orzamentos para a conservación medioambiental caeron un 67%.

Os Orzamentos de 2014 presentados pola Xunta confirman "a desaparición de facto" das políticas públicas ambientais. E é que, desde que chegou Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta, o medio ambiente galego perdeu 198 millóns de euros, é dicir, un 67% do seu orzamento
 
É a denuncia que fai a asociación Adega, que critica que o Medio Ambiente "non é de interese" para o Goberno galego. E, para iso, tiran de datos dos vindeiros orzamentos de 2014. Din que hai baixadas significativas nas cantidades adicadas a financiar o labor das protectoras e xestionar os animais domésticos abandonados. Se en 2013 foron 20.000 euros para todos os concellos do país (fronte aos 450.000€ de 2009), en 2014 estas axudas redúcense a 0 euros. Pola contra, os cazadores disporán de 181.000 euros para a "ordenación cinexética e piscícola".
 
Tamén destaca unha baixada do 91,3% nos investimentos reais en Conservación(943.541€ en 2014 fronte aos 10.906.638 de 2009) e un 90,6% (837.840 euros este ano fronte aos 8.046.353 de 2009) nas transferenzas de capital, isto é, nas axudas públicas para promover iniciativas de millora ambiental.

0 euros para capítulos que fixa a ONU

Neste capítulo hai 0 euros para algunhas prioridades que fixa a ONU e Europa como son a loita contra o cambio climático; 0 euros ao desenvolvemento sustentábel polas Axendas21 locais e 0 euros á loita contra as especies invasoras, a segunda causa de perda de biodiversidade no mundo segundo a IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).
 
E que hai dos Parques Naturais, os espazos coa maior categoría de protección da rede galega?. Pois as axudas directas a Parques Naturais supoñen en 2014 tan só 4.556 euros, menos que en 2013 (23.333 euros) e moi lonxe dos 350.000 euros de 2009. Tamén os cartos para compensar os danos da fauna salvaxe caen un 54,6% (106.035 euros en 2014 fronte aos 234.000€ de 2009). 

Pouco apoio aso colectivos ambientais

Adega tamén critica o pouco apoio aos colectivos ambientalistas. "Feijóo e Hernández tampouco parecen conformarse con eliminar os cartos adicados á promoción de actividades ambientais e de cooperación por parte do tecido asociativo, que en 2009 eran preto de 1,2 millóns. Pretenden tamén silenciar ás asociacións ecoloxistas", denuncia.
 
Así, di que tivo que acudir ao Valedor para que a Xunta convoque os organismos consultivos ambientais nos que están representados: O Consello Galego de Medio Ambiente, que leva sen reunirse dende o 21-2-2012; o Observatorio Galego da Biodiversidade, dende o 22-12-2010 e o Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia, co deber de reunirse semestralmente e que non se reuníu nin unha vez dende a súa constitución.